Máis parques e zonas verdes: os nenos de Vilagarcía reflexionan sobre a cidade que queren de maiores

VILAGARCÍA> Dentro de 30 ou 40 anos Vilagarcía, probablemente, sexa moi diferente a como é hoxe en día. Durante esta semana, os nenos que serán adultos para daquela, participan nunha actividade na que reflexionan sobre o urbanismo e a arquitectura. Estase a celebrar na praza da Independencia, que en breve vivirá unha fonda transformación coa peonalización de dúas rúas.

‘A vila do mañá’ constrúese cos que agora son nenos. Durante toda esta semana, a praza da Independencia convértese non taboleiro de xogos que serve de escenario para que o alumnado do colexio San Francisco reflexione sobre os espazos públicos, entendidos estes como lugares de convivencia.

Neste proxecto trabállase cos o plano, a tridimensionalidade e o liñal. Son os diferentes elementos da arquitectura que serven para que os nenos reflexionen sobre a cidade na que lles gustaría vivir. Para iso, previamente, deben coñece-la contorna que os rodea.

Coa cidade xa descuberta, os nenos expoñen as súas reivindicacións. Queren unha cidade máis verde, con máis parques e zonas de lecer.

A localidación escollida non foi froito do azar. Esta praza da Independencia sufrirá en breve unha fonda remodelación, na que as persoas lle van gañar terreo ós coches. Por este espazo pasarán entre hoxe o venres máis de 300 nenos, ou o que é o mesmo, 300 habitantes da Vilagarcía do mañá.