A Ruta dos Fenicios dase a coñecer no Pazo Provincial

240

PONTEVEDRA> O Pazo Provincial acolle ata mañá a asemblea estatal da Ruta dos Fenicios. Ademais das reunións de traballo deste itinerario cultural internacional, hoxe inaugurouse unha mostra divulgativa  sobre os lugares adheridos á asociación.

A Ruta dos Fenicios promove a cultura europea por medio dunha rede tecida entre os territorios ós que chegou a civilización fenicia a través das rutas marítimas comerciais. Recoñecido polo Consello de Europa, atravesa 18 países e une 3 continentes. O seu obxectivo é divulgar o patrimonio común que une ós seus socios, favorecendo o turismo cultural.

A deputación de Pontevedra pertence á  rede estatal tras ser descuberto restos fenicios e púnicos  en xacementos de Ribadumia, Sanxenxo, Cangas e Vigo.

Carmela Silva destacou a conexión do Atlántico coa cultura mediterránea coma exemplo da relación entre culturas e territorios.

A mostra, composta por 13 paneis con información e imaxes dos puntos de interese no destino de cada socio, permanecerá no vestíbulo do Pazo Provincial ata o vindeiro 15 de decembro.

Mañá, venres 23 de novembro, terá lugar un encontro aberto ao público con conferencias e mesas redondas sobre a Ruta, sobre o programa de itinerarios culturais europeos do Consello de Europa e sobre outros roteiros patrimoniais.