Canal Rías Baixas

Extraballadores de Dozen denuncian impagos

CAMBADOS> Extraballadores da empresa Dozen, no polígono cambadés de Sete Pías, denuncian impagos por parte da compañía. Explican que hai máis de dous meses despediron a preto dunha vintena de empregados, e na actualidade lles seguen a adebedar ao redor de dúas nóminas a cada un. Denuncian que a dirección da empresa decidiu non recibilos, por iso comezaron as mobilizacións para reclamar os seus cartos.

Os extraballadores de Dozen non pararán as súas reclamacións ata conseguir que a empresa lles pague os cartos que lles adebeda. Foron despedidos hai máis de dous meses, pero a día de hoxe aínda teñen cobros pendentes.

Agora son eles os que comezan a acumular débedas. Denuncian que a dirección da empresa non os recibe, por iso decidiron empezar a mobilizarse.

Esta situación é a pinga que colma o vaso, pero aseguran que as condicións de traballo xa non eran as máis axeitadas. Tamén se repetían os problemas nos pagos aos empregados.

Polo de momento, anuncian que manterán as mobilizacións, e non desbotan levar á empresa aos tribunais para conseguir cobrar as contías que teñen pendentes.

 

Exit mobile version