A Mancomunidade do Salnés quere converter os portos da comarca nun museo ao aire libre

O SALNES> A Mancomunidade do Salnés quere converte-los portos da comarca nun museo ao aire libre. A idea é instalar paneis con códigos QR para que o visitante poida coñece-la actividade e historia mariñeira dos distintos concellos.  O ente comarcal traballa tamén na creación doutro museo virtual, no que pendurar tódalas dixitalizacións de elementos patrimoniais que se foron xerando ao longo dos últimos anos. As últimas incorporacións, ao longo desta última semana, grazas a unha nova edición do obradoiro de dixitalización documental que hoxe foi clausurado.

Sen data no horizonte, pero coa vista posta nos portos da comarca. Sobre a mesa, un proxecto de creación dun museo ao aire libre repartido por tódolos portos mariñeiros do Salnés. A idea da Mancomunidade é espallar unha serie de paneis informativos con códigos QR para que o visitante poida coñece-la actividade mariñeira do presente e do pasado.

Pero non é único museo que quere crea-la Mancomunidade. O outro proxecto, un museo virtual, no que se publicarán tódalas dixitalizacións dos elementos patrimoniais da comarca. As últimas pezas que xa forman parte do arquivo incorporáronse ao longo desta última semana. E todo, grazas ao alumnado do obradoiro de de dixitalización documental, que hoxe foi clausurado. Traballaron en simultáneo en Meaño, Vilanova e Meis.

Nesta acción formativa participaron oito persoas, das que o 75% son mulleres, que aprenderon a inmortaliza-lo patrimonio histórico e cultural.

A Xunta, pola súa banda, salienta o futuro deste sector, que se viu acelerado pola chegada da pandemia. Salientou tamén a formación individualizada que recibiron cada un dos alumnos que participaron no curso, permitindo enfoca-lo seu futuro laboral cara a onde eles queren.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí