A Marea cualifica de ‘electoralista’ o anuncio do desdobramento do corredor Brión-Noia

NOIA> A oposición do concello de Noia amosouse moi crítica ante o anuncio da Xunta de iniciar os trámites para o desdobramento do corredor. Ademais dun presunto interese electoralista, consideran que se trata dunha actuación insuficiente posto que só contempla a conversión en autovía dende Brión a Martelo.

A satisfacción con que acolleu o goberno de Noia o inicio dos trámites para o desdobramento do corredor que conecta a comarca con Santiago en autovía contrasta co escepticismo da oposición. Aluden a un presunto interese electoralista ó anunciar a actuación ás portas das eleccións autonómicas cando nos últimos anos a Xunta deixou sen executar partidas destinadas a este proxecto.

E é que dende a Marea consideran que se trata dunha actuación insuficiente posto que só contempla unha primeira fase no treito de Brión a Martelo, o que cualifican como un parche que non dá unha solución real ó problema.