Tres candidatos representan á comarca do Salnés na lista coa que o BNG quere ‘facer historia’

VILAGARCÍA> A un mes das eleccións galegas, o BNG presenta os candidatos que forman parte da súa lista representando ao Salnés. Ademais da xa deputada Montse Prado, forman parte da candidatura os voceiros do BNG en Sanxenxo e en Vilagarcía. A formación di ir a por todas nesta cita coas urnas co obxectivo de medrar en número de deputados pola provincia de Pontevedra. Fan un chamamento a concentra-lo voto de esquerda no BNG para desbancar da Xunta ao PP.

Falta un mes exacto para as eleccións galegas e o BNG acende os motores da súa caravana electoral, que lle levará a percorrer a provincia de Pontevedra cun cento de actos. Comezando esta mañá no Salnés, na presentación dos candidatos que van na lista representando a comarca. Incorpórase no número 10 Javier Rodríguez, voceiro dos nacionalistas en Vilagarcía e tamén o seu líder en Sanxenxo, en postos de suplente. Como número dous, mantense a cambadesa Montse Prado.

Porque, explican os nacionalistas, a comarca tamén se xoga moito o vindeiro 18 de febreiro, en cuestións clave como a sanidade, a mellora do transporte ou a defensa do comercio, a industria e o mar.

Na posta de longo dos candidatos polo Salnés estivo tamén o número 1 pola provincia. Luis Bará fala dunha campaña ilusionante, que pode ser histórica convertendo a Ana Pontón na primeira muller presidenta da Xunta.

E contrapón a figura de Pontón á do candidato do PP.

E engadiu que para logra-lo cambio na Xunta é precisa unha gran mobilización e concentra-lo voto de esquerdas no Bloque.

E fixo un chamamento a non “perde-lo voto” noutras propostas de esquerda que, segundo augurou, acabarán quedando fóra do Parlamento, en referencia a Sumar ou Podemos.