A Escola de Igualdade María Vinyals celebra unha xornada sobre a violencia de xénero

Pontevedra> O vindeiro xoves o Castelo de Soutomaior acollerá unha nova xornada da Escola de Igualdade María Vinyals. Nesta ocasión versará sobre a situación do pacto de estado contra a violencia de xénero.

A xornada anual organizada pola Escola de igualdade María Vinyals afondará desta vez nas implicacións do pacto de Estado sobre a violencia de xénero, co obxectivo de achegalo á realidade municipal. Por iso, está dirixida ó persoal de ámbito local que traballa coas vítimas das violencias machistas.

O evento reunirá a relevantes voces do panorama galego e estatal coma Ángeles Álvarez, Inmaculada Montalbán, Marisa Soleto, Gloria Poyatos, Yolanda Domínguez, Rosa Izquierdo e Paz Filgueira.

Tras a inauguración oficial, ás nove e media, terá lugar a conferencia sobre a xénese, evolución, situación actual e perspectivas do Pacto de Estado. Ás 12 celebrarase unha mesa redonda que analizará o Pacto dende o ámbito xurídico e social, e xa pola tarde, impartiranse tres obradoiros que abordaran o estudo do documento dende o punto de vista xurídico, sanitario e da comunicación.

A xornada clausurarase falando do que virá no futuro de man do Pacto de Estado.