A Deputación de Pontevedra loita contra a ameaza dos plásticos

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra presentou esta mañá na Boa Vila a súa campaña de “Experiencias Sostibles”. O obxectivo desta iniciativa é concienciar á cidadanía sobre a contaminación polo uso de plásticos así como das consecuencias que isto pode ter na saúde das persoas. O stand da institución provincial, que estivo situado na Praza de España durante toda a xornada, repartiu dende dípticos informativos e imáns ata ecocabichas e vasos compostables.

Loitar contra os plásticos. Ese é o obxectivo principal da campaña “Experiencias Sostibles”. Unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que, tras percorrer diferentes praias, vilas e festivais da provincia, hoxe chegou á Boa Vila. Dende este stand intentouse concienciar á cidadanía sobre a contaminación polo uso dos plásticos e as consecuencias que isto pode ter tanto no medio ambiente como na saúde das persoas.

No stand de “Experiencias Sostibles” repartíronse durante toda a xornada dípticos informativos, adhesivos, bolsas de tea, imáns e ata vasos compostables.

Esta é a segunda campaña que realiza a Deputación neste eido. Un paso máis para fomentar pequenos xestos diarios entre a cidadanía que poden ser fundamentais á hora de avanzar na sustentabilidade e na loita contra a ameaza dos plásticos.