A Asociación Vaipolorío retira 700 quilos de lixo do Gafos durante a última campaña de limpeza

PONTEVEDRA> Vaipolorío conseguiu retirar case 700 kg de residuos do río Gafos. A asociación pontevedresa fai un balance máis que positivo da súa última campaña de limpeza pero pide ás administracións que colaboren para seguir mellorando os espazos naturais da cidade. Ademais, dende o colectivo ecoloxista recordan que non puideron limpar o tramo da rúa Otero Pedrayo como consecuencia do asentamento chabolista.

700 quilos de lixo. Esa é a cantidade de residuos que a Asociación Vaipolorío conseguiu retirar do río Gafos na súa última campaña de limpeza.

A Asociación Vaipolorío asegura que nos últimos anos mellorouse moito na sensibilización e concienciación dos veciños. Sen embargo, o presidente cre que sería importante que a xente nova se implicase aínda máis.

O colectivo pontevedrés traballou, ao longo de 6 xornadas, en todo o río Gafos. A única excepción foi o tramo que vai dende a Avenida Josefina Arruti ata a rúa Otero Pedrayo debido á presenza dun asentamento chabolista.

A Asociación ecoloxista esixe á administración que sexa máis severa coas infraccións que se realizan no medio natural, porque cre que só así se conseguirá evitar as verteduras no río Gafos.