A carreira Sin-Son cambia de data pola coincidencia coas eleccións xerais

PORTO DO SON> Á falla aínda de varios meses para a celebración da Sin Son 10K, será finalmente o domingo trece de decembro, a organización está a ultimar xa os preparativos para o desenvolvemento da proba que chega este ano a súa cuarta edición. Varias serán as novidades deste ano, entre elas a participación de destacados atletas como é o caso de Chema Martínez ou Pedro Nimo, entre outros. Nun primeiro momento a organización tiña reservada o 20 de decembro como data oficial da carreira, pero a coincidencia ese día coa celebración das eleccións xerais fixo cambiar de plans, adiantándoa unha semana, polo que se desenvolverá finalmente o domingo 13. A pesar de ser unha proba de recente creación, pois tan só leva tres edicións disputadas, a carreira xa está practicamente consolidada como unha das máis multitudinarias das que se celebran en todo o ámbito autonómico. É mais, á falla aínda de varios meses para a súa celebración, está a levantar xa moita expectación, non só nas comarcas de Muros-Noia ou Barbanza, senón tamén noutras zonas de Galicia e España, sendo numerosos os corredores que preguntan pola apertura dos prazos de inscricións. Un trámite que dende a organización sinalan que podería darse xa a mediados deste mes de outubro. A proba estará aberta a tódalas categorías, dende os mais pequenos ata os veteráns, con diferentes lonxitudes acordes á idade dos participantes. Nas distintas edicións celebradas ata o de agora a organización contou coa participación tamén de destacados atletas, non só a nivel galego, senón tamén a nivel nacional e tamén internacional, como é o caso de Chema Martínez, Pedro Nimo, Alejandro Fernández ou Eliseo Martín. Atletas todos eles que coa súa simple presenza lle dan maior repercusión á carreira e fan que a cita teña un maior calado no mundo do runnig ou do atletismo.