O Fondo Social Europeo beneficiou a máis de seiscentas mil persoas

GALICIA> Máis de 600.000 persoas beneficiáronse das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) en Galicia durante o período 2007-2013. Santiago acolleu a celebración do Comité de Seguimento do Fondo de Social Europeo (FSE) 2007-2013. A reunión contou con representantes da Comisión Europea e da Unidade do Fondo Social Europeo do Ministerio de Empleo y Seguridad Social. Por parte do executivo galego, encabezou este foro a directora Xeral de Proxectos e Fondos Europeos, Ana Mª Cores González. Asistiron tamén representantes das organizacións económicas e sociais con máis representatividade de Galicia, así como os órganos xestores das distintas administracións participantes. Cómpre destacar tamén, a visita que neste marco tivo lugar este luns ó CIFP Politécnico de Santiago de Compostela, e á que acudiron representantes da Autoridade de Xestión, do Organismo Intermedio e da Comisión Europea, coa finalidade de amosar actuacións levadas a cabo na xestión do FSE. Ademais, Santiago acollerá tamén o vindeiro xoves 5, a celebración do Comité de Seguimento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2007-2013. Esta reunión contará coa presenza de representantes da Administración Autonómica e da Comisión Europea. Durante a celebración deste Comité, someteuse a estudo o Informe de execución da anualidade 2013 para a súa posterior aprobación. Abordouse tamén, a situación do Programa Operativo en relación ao cumprimento da Regra n+2, referida ao uso das dotacións financeiras dese Programa. Por outro lado, analizouse a aplicación e seguimento do Plan de Comunicación, no que se presentaron os indicadores seleccionados para o seguimento e avaliación do mesmo. Neste ámbito descríbense as actuacións de comunicación desenvolvidas por todos os axentes implicados nas intervencións cofinanciadas co FSE. Finalmente, tratouse a avaliación e seguimento estratéxico do Programa Operativo do Fondo Social Europeo Galicia 2007-2013, así como un avance da programación do período 2014-2020.