O BNG demanda inversións na comarca de Muros-Noia por valor de 3’6 millóns

    BARBANZA> O BNG presentará diversas emendas ós orzamentos do Estado para o vindeiro ano 2016 referidas á comarca de Muros-Noia. No seu total suman máis de 3’6 millóns de euros. A través das deputadas Olaia Fernández e Rosana Pérez, o BNG presentará varias emendas ós Orzamentos do Estado para o vindeiro ano 2016 referidas á comarca de Muros-Noia por un importe total de 3’6 millóns de euros. Entre as actuacións demandadas destaca unha vez máis a solicitude de rehabilitación do cine París en Muros por valor de 1’2 millóns de euros. Neste mesmo concello tamén solicitan a recuperación ambiental da praia de Parameán en Esteiro para a que piden un millón de euros. Outra das actuacións para a que os nacionalistas solicitan tamén unha partida dun millón de euros é a redacción dos estudos necesarios para levar a cabo a tan ansiada rexeneración da ría noiesa. Tamén solicitarán medio millón de euros para a ampliación do museo das laudas gremiais de Santa María A Nova.