A Axencia Tributaria faise con 250 quilos de cocaína nunha madeireira de Lousame

    LOUSAME> A droga estaba agochada nun contedor con carbón vexetal que chegou ó porto de Vigo dende Paraguai. A denominada operación ‘Reis Magos’ iniciouse xa hai varias semanas no porto de Vigo, ó detectar os axentes da Axencia Tributaria un contedor sospeitoso procedente da cidade paraguaia de Encarnación. A partir de ahí iniciouse unha investigación que deu como resultado o achado o pasado luns dos 250 quilos de cocaína ocultos na carga, composta por sacos de carbón vexetal. Funcionarios da Brigada Móbil de Vixilancia Aduaneira da Coruña e da Unidade Operativa de Vigo descubriron o contido do mesmo nas propias instalacións da empresa importadora, unha firma madeireira asentada en Lousame. Para dar coa droga os axentes tiveron que empregar unha furgoneta escáner móbil da propia Axencia Tributaria, equipada cun escáner de paquetería. Entre os máis de 1.600 sacos de carbón vexetal existentes no cargamento, agochábanse 278 pastillas de aproximadamente un quilo de cocaína cada unha. A operación saldouse coa detención de dúas persoas relacionadas coa empresa importadora, que xa pasaron a disposición xudicial do Xulgado de Instrución nº 1 de Noia, que é quen instrúe o caso. No operativo colaboraron conxuntamente tamén as Fiscalías Antidroga de Pontevedra e A Coruña.