Quintana anuncia a retirada do anteproxecto da lei de Acuicultura

    BARBANZA> A nova foille remitida xa por carta a preto de trescentos directivos do sector, ós que a propia Consellería lles enviara este borrador de Lei. A oposición frontal de todo o sector do mar provocou finalmente a decisión da conselleira do Mar, Rosa Quintana, de anunciar a anulación do borrador de la Lei de Acuicultura e a súa retirada da exposición pública. A nova feita pública hoxe xa lle foi remitida a través de carta a preto de trescentos directivos do sector ós que a propia Consellería lles enviara anteriormente este borrador de lei. Na carta, Rosa Quintana explica que non se iniciará ningún trámite administrativo ou lexislativo neste ámbito e con este texto proposto. Segundo ela o texto estaba a exposición pública para ser mellorado coas aportacións do sector. O anuncio faise público a apenas tres días da celebración en Compostela dunha manifestación convocada precisamente para mostrar a oposición á dita Lei e na defensa dos traballadores do mar. Unha mobilización que o sector non paralizará e que pretende se converta nunha gran pedra de toque para o Goberno Galego. Mentres tanto o sector segue a recadar apoios na súa loita. A última a de distintos actores galegos, que a través dun vídeo realizado polo director noiés Luís Avilés, se unen á campaña contra a Lei de Acuicultura. No vídeo, que xa se está a facer viral polas redes sociais, actores coma Morris, Federico Pérez ou Camen Bossa falan dos prexuízos da norma e da ameaza que pode supoñer para a xente que directa ou indirectamente vive do mar en Galicia.