A escaseza de marisco condiciona o inicio do libre marisqueo nos Lombos

    RIANXO> Se regular foi a primeira xornada do libre marisqueo en Cabío, moito peor foron os resultados nos Lombos do Ulla. Esta mañá apenas 40 embarcacións acudiron á zona dos Lombos do Ulla a traballar. Os resultados do primeiro día desanimaron a moitos rañeiros que optaron por trasladarse a outras zonas da Ría como é o caso do Bohído a probar sorte. Como xa se pensaba, despois das mostraxes realizadas en semanas anteriores, e a pesar de que os biólogos da Xunta calculaban da existencia de 700 toneladas de berberecho de talla comercial, nos Lombos apenas hai marisco, e o que hai, non dá a talla regulamentaria. A situación no Bohído non é tampouco moito mellor…E o peor aínda está por vir… No primeiro día de campaña na lonxa rianxeira subhastáronse apenas mil trescentos quilos de marisco. 109 quilos de reló a un prezo medio de 3’25; 478 quilos de ameixa babosa cun prezo medio de 14’50; 82 quilos de ameixa fina a 20’89 de media; 63 de ameixa xapónica a 5’93 e 420 quilos de berberecho a un prezo medio de 2’80. Cifras todas elas ridículas que volven a poñer enriba da mesa a necesidade dun cambio de xestión dos bancos de libre marisqueo.