Dimiten once membros da xunta xeral do pósito rianxeiro

    RIANXO> No transfondo da decisión parace estar a súa disconformidade coa xestión da actual directiva. As augas parecen baixar estes días revoltas no seo do pósito rianxeiro, despois de que un total de once membros da xunta xeral decidisen presentar a súa renuncia ó cargo. O feito de que dez deles entregaran os escritos de renuncia ó mesmo tempo, dá impresión de que algo hai detrás da decisión. Fontes consultadas por esta redacción apuntan a unha posible disconformidade coa xestión da actual directiva e de que non se lles facilita información das decisións que se toman. Cuestión esta que foi negada taxativamente polo propio patrón maior, Miguel Ángel Iglesias, quen afirmou que tódolos acordos son tomados na xunta xeral. Iglesias sinalou ademais que tras da decisión parece existir un trasfondo político, ó ser a maioría deles afíns á anterior directiva da entidade. A xunta xeral, integrada por unhas 24 persoas, conta agora con menos da metade, o que dificulta a toma de decisións no pósito. Ábrense agora dúas posibilidades, convocar eleccións parciais para elixir ós postos vacantes ou celebrar unhas novas anticipadas.