Oleada de roubos na Pobra esta madrugada

    POBRA> A situación xa puxo en estado de alerta a numerosos comerciantes e hostaleiros da vila que reclaman maiores medidas de vixilancia. A librería Ler, na céntrica rúa da Paz, foi precisamente un dos brancos dos ladróns esta pasada noite. Os amigos do alleo entraron no establecemento despois de romper a luna do escaparate cunha pedra de grandes dimensións. Unha vez no interior foron a pola caixa rexistradora. O botín neste caso non foi alto, apenas unhas moedas que podería haber de cambio. O que máis lle doe ó seu propietario son os cuantiosos danos causados. Este non foi o único establecemento asaltado. Durante a noite os ladróns tamén entraron nunha tenda de informática na zona do Lagar, unha tenda de deportes no centro Comercial o Adro e nunha cafetería da Alameda. A situación está a provocar unha certa alarma na vila, polo que os empresarios e hostaleiros piden o incremento da vixilancia para evitar este tipo de sucesos. Policía Local e Garda Civil investigan xa a posible autoría destes roubos. Segundo as primeiras hipóteses todo parece indicar que se trata da mesma persoa ou persoas, na maioría dos casos reicidentes.