O BNG da Pobra demanda que se cubra a praza de arquitecto municipal

POBRA> O BNG da Pobra levará ó pleno deste xoves unha moción demandando a cobertura da praza de arquitecto municipal. A falla deste profesional ten derivado, segundo os nacionalistas, nunha situación urbanística de dubidosa legalidade. O BNG da Pobra recolleu a través desta moción as protestas de numerosos veciños en relación a supostas irregularidades en materia urbanística. Insisten os nacionalistas en que non se trata dunha situación nova posto que vén repetíndose dende hai, alomenos, dez anos. A pesar das reiteradas mocións aprobadas en pleno para a contratación dun arquitecto, ata o momento, non se ten iniciado procedemento algún. Ademais da cobertura da praza de arquitecto, o BNG demandan a asignación de máis recursos ó servizo de urbanismo así como a implantación de procedementos de control que vixíen o cumprimento da normativa.