A Deputación da Coruña destina 1,1 millóns a apoiar a 109 empresas da provincia

BARBANZA> A elevada demanda das subvencións, incluídas no programa PEL-Emprende Investimento, provocou que a institución provincial decidirá  duplicar o orzamento deste programa para 2019.

Un total de 110 empresas de toda a provincia da Coruña, das que ó redor de dez delas son da comarca do Barbanza, beneficiaranse este ano das axudas da liña PEL- Emprende Investimento, enmarcadas no Plan de Emprego Local, a que a Deputación destina 1’1 millóns de euros. Na súa maioría son empresas de recente creación, e estas achegas axudaranlles a consolidar e fortalecer o seu proxecto empresarial.

O presidente  da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que esta liña do Plan de Emprego Local contribuirá a consolidar e modernizar o tecido empresarial da provincia, facéndoo máis competitivo e permitindo o desenvolvemento de proxectos emprendedores que empezan de xeito moi modesto, pero que en poucos anos poden chegar a consolidarse e ser referencia no seu sector.

Ademais aludiu a que ante a gran demanda destas subvencións, que rexistrou preto de 1.300 solicitudes, o goberno provincial decidiu inxectar 1 millón de euros máis na vindeira convocatoria 2019, que pasará a contar cun orzamento de 2,1 millóns, co obxecto de reforzar o programa e chegar a máis empresas da provincia.

No programa de axudas de PEL- Emprende Investimento 2018, destaca o apoio a inciativas empresariais lideradas por mulleres, cun total de 71 axudas concedidas, que representan o 65,14% do total. Destaca tamén que a maior parte das solicitudes concedidas irán destinadas a investimentos no sector do asesoramento empresarial e consultaría, seguido polos servizos persoais, de saúde e benestar.