Stop Desafiuzamentos advirte da precarización da poboación máis vulnerable trala crise do coronavirus

RIBEIRA> Se algo ten de bo esta crise é que está a sacar o lado máis humano da sociedade. Nestes días, foron moitos os particulares que aprazaron ou mesmo condonaron o pago do alugueiro a familias ou autónomos con dificultades.

Moitos negocios do Barbanza, pechados dende hai case dúas semanas, non poderían asumir o custe derivado desta crise senón fora pola xenerosidade dos propietarios dos locais. Algúns restaurantes e comercios xa compartiron en redes sociais a súa gratitude despois de que lles aprazaran ou mesmo lles perdoaran o pago do alugueiro mentres permanecen pechados.

Sen embargo, Stop desafiuzamentos advirte das posibles consecuencias despois desta situación puntual de urxencia. E que cando volvamos á normalidade, a economía de moitas familias estará moi tocada polo que é preciso artellar mecanismos legais para garantir o acceso a unha vivenda digna.

Ademais da vivenda, insisten dende a plataforma na necesidade de garantir outros servizos básicos. Neste momento, está a rexistrase a colaboración de numerosos particulares e empresas que doan alimentos e outros artigos de primeira necesidade para as persoas máis vulnerables.

A pesar desta gran resposta social, insisten na precaria situación en que quedarán moitos cidadáns polo que instan ás administracións a tomar medidas para paliar os efectos socioeconómicos desta pandemia.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí