Tres coles vilagarciáns premiados polo programa Igualdade na Escola

    VILAGARCIA> O Salón Nobre do concello de Vilagarcía acolleu esta mañá a entrega de Premios pola Igualdade na Escola que o consistorio entrega a aqueles centros que traballan en prol da mesma. Nesta ocasión os premiados cun cheque de cincocentos euros cada un, foron os centros de Arealonga, Rubiáns e a unitaria de Aralde. Limpar, facer de comer ou traballar son accións que non entenden de xénero. Homes ou mulleres, todos somos iguais. Sobre esta premisa traballaron durante todo o curso alumnos de once centros vilagarciáns, dos cales esta mañá foron premiados tres pola súa entrega durante esta XI edición dos Premios de Igualdade na Escola se promoven dende o concello da vila. Un recoñecemento que reparte entre cada un dos tres centros un total de 1.500 euros, pero no que queda patente que o importante non son os cartos senón o aprendido. Os colexios de Arealonga, Rubiáns e a unitaria de Aralde están este mércores de noraboa. O momento simpático da xornada puxeron os rapaces de Aralde, que agasallaron tanto a edil de Igualdade como o alcalde do municipio, con unhas coroas que eles mesmos deseñaron, e coas que reivindican a igualdade.