Ravella empregará o aval de Praza de España para acondicionar os xardíns

VILAGARCÍA> O concello de Vilagarcía non devolverá o aval á empresa que se encargou da reforma da praza de España. A compañía solicitara a devolución dos cartos depositados para realizar a obra, pero un informe técnico certifica que se incumpriu o contrato asinado no seu momento. O goberno decidiu incautar o aval e empregar os cartos para realizar os traballos pendentes: o acondicionamento das zonas verdes da praza.

Ravella non devolverá o aval á empresa encargada da reforma da praza de España. A pesares da reclamación da compañía, un informe do arquitecto director da obra certifica que se incumpriu o contrato no que se refire ás tarefas de mantemento.

Para comezar coa obra, hai preto de dous anos a empresa tivo que entregar ao concello preto de 10.000 euros de aval. Tras incumprir a compañía as melloras que contempabla o contrato, con 24 meses de mantemento da zona axardinada, o concello empregará os cartos para acometer estas tarefas.

Dende o concello agardan que a tramitación non se alongue demasiado no tempo. De feito, xa comezaron a pedir orzamentos do que custarían as actuacións pendentes nos xardíns da Praza de España.