Sete anos e medio sen rastro de Sonia Iglesias

PONTEVEDRA> O de hoxe é o primeiro movemento que se produce no entorno do caso de Sonia Iglesias dende hai anos. En 2015, a Audiencia Provincial decretara o arquivo provisional do caso da súa desaparición. Sonia desapareceu no 2010 sen deixar rastro en pleno centro de Pontevedra.

Sonia Iglesias desaparecía o 18 de agosto de 2010. O seu rastro perdíase sobre as 10 da mañá no centro de Pontevedra, cando ía a unha tenda de reparación de calzado da rúa Arcebispo Malvar. As alarmas saltaron ao mediodía, despois de que non acodera ao seu posto de traballo nunha coñecida tenda de roupa. A última persoa que a vira fora a súa parella e pai do seu fillo de 8 anos, Julio Araújo.

O 24 de agosto, a Policía localizaba a carteira de Sonia na Xunqueira de Alba, moi preto do Vao. Dous días despois, os axentes poñían en marcha un rastreo en profundidade, buscando no río Lérez, no encoro do Pontillón do Castro e en varios montes pontevedreses. As batidas contaron tamén coa colaboración veciñal, pero non deron resultados.

En xullo de 2012 parecía que a busca collía pulo, e o xuíz encargado da causa imputaba a Araújo tras detectar contradiciónsn as súas declaracións. Tamén a investigación conseguira situar o seu móbil preto da zona na que apareceu a carteira de Sonia.

Pero a investigación volvía a decaer ata que, en 2015, a Audiencia Provincial decretaba o arquivo provisional do caso e levantaba a imputación contra a parella da pontevedresa.

Os que seguiron na loita foron os seus familiares. Dende un primeiro momento desconfiaron de Julio Araújo, e sempre pediron que a desaparición de Sonia fora considerada un caso de violencia de xénero. Cada ano dende hai sete, no aniversario da desaparición, maniféstanse polas rúas de Pontevedra arroupados por numerosos veciños, reclamando xustiza.