O xeorradar apoia novas escavacións en Cálago este verán

VILANOVA> Os arqueólogos volverán escavar en Cálago, en Vilanova de Arousa. Os novos traballos que comezarán en xuño veñen respaldados polos resultados que arroxou o xeorradar, que apunta á presenza dun posible asentamento romano datado entre os séculos I e III despois de Cristo. A intervención centrarase desta volta na terraza norte do castro.

Os resultados do xeorradar confirman o que moita xente cría en Vilanova de Arousa: aínda queda moito que descubrir no entorno de Cálago. As probas realizadas antes do Nadal indican a presenza de elementos soterrados, sobre todo na zona da terraza norte.

As primeiras hipóteses apuntan a que podería tratarse dun asentamento romano datado entre os séculos I e III despois de Cristo, relacionado cos xacementos da Lanzada en Adro Vello, en O Grove. Estaría nunha situación estratéxica de defensa na desembocadura do río Ulla, e o campanario que se conserva actualmente podería ser unha torre de vixiancia.

A segunda fase da intervención comezará no mes de xuño. Estará financiada por un convenio bianual coa Consellería de Cultura, e tería como obxectivo a consolidación dos achados.

O equipo que se encargará da escavación traballa agora no deseño do proxecto arqueolóxico que podería botar luz sobre as orixes de Vilanova de Arousa.