Portos de Galicia desminte as acusacións de verteduras na Ría de Arousa

AROUSA> O presidente de Portos de Galicia fai un chamamento ao sector do mar para desmentir as acusacións de verteduras na boca da ría de Arousa. Asegura que a dragaxe do río Lérez está en fase de tramitación. José Juan Durán tamén abriu a porta a que Portos de Galicia e a Consellería do Mar dialoguen con calquera colectivo que o solicite.

O presidente de Portos de Galicia asegurou que non se está a facer ningún tipo de vertedura na boca da ría de Arousa. José Juan Durán fixo un chamamento á tranquilidade ao sector do mar ante as alarmas que aseguraban que se estaban a facer depósitos preto da illa de Sálvora.

Segundo José Juan Durán o dragado do Lérez aínda está en fase de tramitación e os materias analizados, por agora, non son contaminantes.

Dende Portos de Galicia manteñen que o punto de verteduras, en caso de que se autorice a dragaxe, está fora da ría e lonxe da illa de Sálvora.

O Presidente da entidade portuaria asegurou que tanto a Consellería do Mar como Portos de Galicia están abertos a dialogar e informar a calquera colectivo que o solicite.