A Xunta asina un convenio co concello de Vilanova para comezar unha nova excavación en Cálago

VILANOVA> O conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, visitou Vilanova de Arousa, onde asinou un convenio de colaboración co consistorio, polo que se compromete a aportar 30.000 euros cos que continuar os traballos arqueolóxicos dos restos do ,mosteiro de Cálago.
Cultura destinará un total de 30.000 euros a novos traballos arqueolóxicos no castro e mosteiro de Cálago, en Vilanova de Arousa. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, asinaron hoxe o convenio de colaboración que permitirá levar a cabo unha escavación e posterior consolidación de estruturas nalgunhas zonas deste xacemento.
A Consellería asumirá o custe dos traballos, mentres que o Concello encargarase de elaborar e presentar o proxecto arqueolóxico concreto, que deberá contar coa aprobación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Román Rodríguez explicou que a intervención ten como obxectivo a posta en valor do patrimonio ao tempo que contribuír ao seu coñecemento e difusión.
Nunha achega anterior a Xunta subvencionou con 16.500 euros outras actuacións de sondaxes arqueolóxicas e prospección xeofísica que permitiron a exploración do subsolo que aportaron información relevante para a planificación das novas intervencións arqueolóxicas que se van acometer agora ao abeiro deste convenio.