Miguel Ángel Iglesias nega falla de transparencia na xestión da Confraría

RIANXO> O actual patrón maior e aspirante á reelección responde así ás declaracións realizadas o pasado luns nesta canle por Jorge Ordóñez, o outro dos candidatos que opta a dirixir o pósito rianxeiro. Iglesias nega a falla de diálogo e a falla de transparencia na xestión, tal e como afirmaba o outro candidato. Dous aspectos que, segundo Ordóñez, levaron a confraría a unha merma importante no número de asociados. Iglesias tamén se referiu ós máis de 200 mil euros investidos en rexeneracións nestes preto de catro anos á fronte da Confraría, contestándolle así tamén ó outro candidato, que o acusaba de non preocuparse polo mantemento das zonas produtivas. O aspirante a reelección no pósito rianxeiro tamén negou que non se atendera nestes anos ó xeito e ó bou de vara, con importantes melloras como a contratación dunha comercial ou o abastecemento de caixas, así como os distintos acordos en canto a prezos acadados con varias conserveiras.