Todo preparado en Noia para a XIX Mostra de Curtas

NOIA> O Festival desenvolverase do 30 de novembro ó oito de decembro e nel daranse cita destacados actores e directores do mundo do cine e do audiovisual.

A dezanove edición da Mostra de Curtas de Noia vén cargada de importantes novidades. A cita, unha das máis importantes a nivel nacional, desenvolverase do 30 de novembro ó oito de decembro. Ó certame, na súa sección oficial, presentáronse 1.300 curtas, das que foron seleccionadas un total de 40. Delas sairá a gañadora, que entrará directamente tamén na final dos premios Goya.

Como nas últimas edicións, a cita servirá tamén de estrea. Neste caso para a presentación nacional de “Pequeñas coincidencias”, a nova serie de Atresmedia.

Tamén se presentarán no festival dous documentais vinculados á localidade. Por unha banda “Mestre de campións”, de Miguel Barreiro, onde se conta a historia dun coñecido ximnasio de Noia. O outro “Idénticas”, de Luís Avilés no que se recolle a vida de Cayetana e Celia, dúas nenas noiesas que sofren heteroplaxia ósea progresiva.

Aproveitarase tamén a mostra para render unha merecida homenaxe a Ernesto Chao, actor recentemente falecido, pola súa vinculación co Festival e tamén con Noia.