Para CxG Ribeira existe outro xeito de facer política municipal

RIBEIRA> Unha nova formación política concorrerá este domingo ás eleccións municipais en Ribeira. Trátase de Compromiso por Galicia, que finalmente logrou formar unha lista encabezada por Óscar Casais, actual responsable do parque de bombeiros da localidade.

Converterse na voz da veciñanza e dar resposta ás necesidades reais que precisa o municipio. Estas dúas son as principais premisas de CxG Ribeira, razóns fundamentais polas que decidiu formar candidatura ás municipais deste domingo.

A maioría da xente que participa nesta candidatura non ten experiencia anterior e entra en política por primeira vez. Pero lonxe de ser un hándicap, considérano algo positivo xa que chegan coa ilusión e o compromiso de acadar o cambio que segundo eles Ribeira necesita. de Entre as  súas principais propostas figura a transparencia e a participación cidadá.

No programa tamén inclúen a dotación de máis chan industrial no municipio, a eliminación de barreiras arqueitectónicas en tódalas parroquias e a elaboración dunha ordenanza de accesibilidade, así como a posta en marcha dun plan de emprego municipal. En Servizos Sociais proponen a construción dunha residencia de maiores nas antigas instalacións da discoteca Hesta Kurva e a mellora da totalidade dos centros de saúde do municipio.