A asociación TDAH Salnés contará cunha delegación en Ribeira

RIBEIRA> O concello de Ribeira e a Asociación TDAH Salnés asinaron esta mañá un convenio de colaboración. Os encargados de rubricalo foron o alcalde, Manuel Ruíz e a presidenta desta entidade, Eva María Silva. O acordo permitirá que a Asociación TDAH Salnés poida abrir unha delegación para zona do Barbanza en Ribeira, que estará emprazada na Casa da Cultura ‘Manuel Ayaso’ de Aguiño. A entidade atenderá de xeito especializado a persoas afectadas por esta doenza, proporcionándolle as terapias e os apoios que necesitan, ademais de dar formación e información. A través do convenio, o que se pretende é dar tamén visibilidade ó trastorno, ó tempo que se defenden os dereitos das persoas con hiperactividade ou déficit de atención e á integración das mesmas na sociedade. A oficina estará aberta de luns a venres, en horario de tres da tarde a nove da noite.