Canal Rías Baixas

Os veciños de Fondevila reclaman ó concello a mellora integral do barrio

RIBEIRA > Os veciños do lugar de Fondevila, en Ribeira, veñen de denunciar o estado de abandono no que se atopa o seu barrio debido á falla de investimentos realizados polo concello neste lugar. Ás deficiencias estruturais en rúas e na rede de sumidoiros, hai que sumar a escaseza dos servizos básicos posto que a recollida do lixo realízase cada dous días e non a diario como no resto do municipio.

A indignación é o sentir común entre os veciños de Fondevila, en Ribeira, que vén como o seu barrio se atopa nun total estado de abandono por parte do concello. Segundo explican, o executivo municipal non está a realizar as inversións necesarias para acondiciona-lo entorno polo que, na actualidade, presenta numerosas deficiencias.

Ademais do mal estado do firme dalgunhas rúas que, en ocasións, nin sequera están pavimentadas, os residentes denuncian o estado de abandono dalgunhas fincas así como da emblemática fonte e o lavadoiro, cada vez máis deteriorados tanto no seu estado de limpeza como de conservación.

Os veciños solicitan ademais unha dotación axeitada de contedores de lixo e que o servizo de recollida se realice diariamente e non cada dous días como acontece na actualidade. Outra das reivindicacións refírese á mellora da rede de sumidoiros e tuberías posto que se producen frecuentes roturas nos conductos e a necesidade de regula-lo tráfico debido á importante densidade de circulación que rexistra este barrio, que conta cun importante número de habitantes.

Por último, os veciños consideran necesaria a creación dun área de lecer que dea servizo a toda a veciñanza.

Os veciños consideran que están a ser vítimas dunha clara discriminación posto que non contan cos mesmos servizos co resto dos cidadáns a pesar de paga-los sues impostos. Neste sentido, reclaman ó concello que se faga cargo das súas reivindicacións, tantas veces deoídas polo executivo municipal.

O grupo municipal do BNG fíxose eco dos problemas que, dende hai tempo, veñen denunciando os veciños de Fondevila. A súa voceira, Dominga Brión, sinalou que o grupo ten previsto presentar unha moción ante o pleno na que demanda unha actuación integral no lugar con carácter urxente.

 

Redacción Barbanza

Exit mobile version