Canal Rías Baixas

Maratoniana visita de Pérez Touriño á comarca do Salnés

SALNÉS > O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño recibiu a medalla de ouro de Vilagarcía. Foi durante a visita institucional que fixo ó concello, onde foi recibido por practicamente toda a corporación e distintas forzas sociais da vila. Entre os presentes, representantes do comercio, autónomos, Fundación Galega contra o Narcotráfico, e responsables das forzas e corpos de seguridade.

Ante tódolos representantes políticos e sociais de Vilagarcía asinou no libro de ouro o presidente da Xunta de Galicia.  Emilio Pérez Touriño deixou constancia nesa adicatoria da súa implicación con esta vila, tal como lle pedira o alcalde. O presidente galego respostou xa a esa petición de axuda do alcalde poñendo sobre a mesa obras tan importantes para Vilagarcía como a do abastecemento de auga.  Anque quizais un dos anuncios máis esperados era o inicio da circunvalación norte que custará 24 millóns de euros.  O acceso ó porto e a mellora do corredor a Vilagarcía foron outros dos proxectos mencionados. No caso da estrada a Pontevedra, o presidente da Xunta recordou que están facendo o estudo informativo e todo dependerá do seu resultado, pero prometeu implicarse ó máximo neste proxecto.

Trala visita institucional, o presidente da Xunta seguiu cunha apretadísima axenda que o tería ata media tarde na comarca. Reunións, visitas e presentacións completaron un programa no que destacou a xuntanza con tódolos alcaldes do Salnés no centro comarcal, unha reunión que o presidente quere manter no tempo. Pérez Touriño pretende celebrar reunións deste tipo cada seis meses para coñece-las demandas dos alcaldes e a evolución dos proxectos postos en marcha. Neste sentido hoxe anunciou obras de gran trascendencia para o Salnés, como o inicio este verán da autovía, a ampliación do abastecemento de auga, ou as obras do porto deportivo do Grove. Algúns alcaldes, como os de  Cambados e Ribadumia, insistiron na necesidade de que se fagan as obras suspendidas por Medio Rural. Precisamente no caso destes tres concellos, Cambados, Ribadumia e O Grove, o presidente autonómico anunciou importantes inversións en educación, que se completarán coa construcción da Escola de Idiomas en Vilagarcía.  Esta mañá visitou a zona onde se construirá e anunciou que o centro estará funcionando a mediados do ano que ven. Tamén anunciou a inmediata sustitución do colexio A Lomba e coñeceu o proxecto do Centro de Tecnificación de Vela que se construe no porto vilagarcián. Alí se reuniu precisamente con representantes de diversos colectivos sociais da comarca.

Tras estas visitas, o presidente da Xunta achegouse ata Fexdega, onde se celebra a Feira da Construcción do Atlántico MTC 2006, onde se amosou moi interesado por algunhas das novidades do sector que se presentan no certame. O presidente galego estivo acompañado polos delegados provinciais de Traballo, Presidencia,  e Politica Territorial así como polo alcalde, o xerente de Fexdega e o presidente da Cámara de Comercio de Vilagarcía. A visita prolongouse durante media hora, na que Touriño fixo un detallado percorrido amosando gran interese polos productos que expoñen os diferentes stands. A Feira da Construcción do Atlántico, que acada a súa sétima edición, celebrase por vez primera en Vilagarcía, onde estará aberta ata o domingo.

Redacción Salnés

Exit mobile version