Canal Rías Baixas

Medioambiente desminte que ENCE sexa trasladada a Barro-Meis

SALNÉS > Ence non se vai trasladar ó polígono Barro Meis. Así de tallante se manifestou o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, na súa visita ó Salnés. O responsable autonómico reuniuse  en Cambados con alcaldes e representantes municipais da mancomunidade para anunciarlles varias actuacións na comarca.

O traslado de Ence ó polígono Barro Meis non é factible medioambientalmente. Así o sinalou o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, na presencia dos alcaldes e edís do Salnés.

Vázquez quixo deixar claro que haberá un novo emprazamento para a factoría, pero tendo en conta principalmente requisitos medioambientais e expuxo que o Salnés non entra dentro deses parámetros.

Vázquez comentou que mentres el estea como conselleiro o informe sobre o emprazamento en Barro-Meis non vai ser favorable, nin o será tampouco en Vilagarcía nin Vigo. O conselleiro desmentiu incluso que fose o actual goberno da Xunta quen formulara esta posibilidade. Vázquez asegurou que o seu goberno buscará un novo emprazamento para Ence e que o proceso se fará con transparencia e contando coa opinión dos alcaldes que corresponda.

Con este anuncio, o rexedor de Meis manifestou a súa tranquilidade pero aínda así dixo que seguiría en alerta. Na reunión, o conselleiro anunciou que o Consello da Xunta aprobará a vindeira semana a ampliación do abastecemento de auga para o Salnés por un importe de 3,3 millóns de euros. Tamén se falou de saneamento. Vázquez recoñeceu que a ampliación da EDAR de Cambados non será suficiente e dixo que se estudarán novas medidas complementarias. No Grove, indicou que se traballa na dispoñibilidade de terreos para a EDAR e os depósitos de abastecemento de auga.

Redacción Salnés

Exit mobile version