Canal Rías Baixas

A Xunta estuda promocionar a Romaría Vikinga en Dinamarca

CATOIRA > A delegada de Industria en Pontevedra, Montserrat Prado, visitou este mércores o Ateneo Vikingo de Catoira. A Xunta Directiva da asociación explicoulle as actividades que programa cada ano, entre as que destaca o desembarco vikingo, que se celebra cada primeiro domingo de agosto. A Xunta estuda promocionar a romaría en Dinamarca.

A Dirección Xeral de Turismo estuda a inclusión da Romaría Vikinga na campaña de promoción do Camiño de Santiago que ten previsto realizar en Dinamarca. A delegada da Consellería de Industria en Pontevedra, Montserrat Prado, visitou este mércores as instalacións da asociación cultural Ateneo Vikingo de Catoira, que se encarga desde hai nove anos da organización do desembarco vikingo.

A Xunta Directiva do Ateneo Vikingo explicoulle á delegada as actividades que realiza ó longo do ano. Ademais de organizar o desembarco e participar na obra de teatro que se escenifica nas Torres de Oeste durante a semana da Romaría, esta asociación publica cada mes a revista Xanela Aberta, que xa vai polo número 108. O vindeiro 17 de maio, día das Letras Galegas, celebrarán a décimo cuarta edición da marcha ciclo turística cultural e no outono preparan sempre un magosto popular con sardiñada incluída. Este traballo iniciouse no ano 97 da man de 8 amigos e hoxe en día xa forman parte do Ateneo Vikingo 242 socios.

Redacción Salnés

Exit mobile version