Canal Rías Baixas

O PSOE da Pobra acusa ó alcalde da concesión ilegal dunha licenza

POBRA > O Partido Socialista da Pobra do Caramiñal vén de facerse eco dunha resolución da Dirección Xeral de Urbanismo que declara como ilegalizables as obras de construción dunha nave industrial destinada a almacén e cámara de conxelación da empresa Luís Escurís Batalla no polígono industrial da Tomada por non axustarse ó actual ordenamento urbanístico e ser construída en solo rústico de protección ordinaria. A resolución de Urbanismo ordea ademais a demolición das ditas obras e a paralización da actividade industrial que se desenvolve nesa nave cun prazo de dous meses

Os membros do Partido Socialista da Pobra do Caramiñal arremeteron contra o alcalde Isaac Maceiras como verdadeiro culpable desta situación ó conceder unha licenza para a construción dunha nave industrial sen os permisos pertinentes da Consellería de Política Territorial. O problema remóntase xa ó ano 2000, data na que a comisión de goberno outorgou a licenza.

Para os socialistas pobreses a solución a este problema é bastante dificil, xa que na resolución de Urbanismo queda ben claro que os terreos para esa ampliación do parque empresarial da Tomada, que legalizarían esta actuación, son inadecuados para a súa urbanización.

O Secretario de Organización do PSOE da Pobra, Andrés Rey, quixo deixar ben claro que eles non queren ir en contra de ningún cidadán particular, culpando ó propio alcalde deste problema, pola súa mala xestión á fronte do concello, que non vén máis que a prexudica-los intereses dos propios veciños.

Redacción Barbanza

Exit mobile version