Canal Rías Baixas

O concello de Ribeira investirá 720 mil euros na mellora de rúas do casco urbano

RIBEIRA > O executivo ribeirés iniciou as obras de mellora de sete rúas do casco urbano da cidade. Os traballos que se están a levar a cabo actualmente na rúa Nove de Agosto contan cun presuposto que se achega ós 720 mil euros e están a ser realizados pola empresa Gaos. A intención do goberno local é que as obras estean rematadas no verán.

O concello de Ribeira vai investir uns 720 mil euros na reposición do pavimento en sete rúas do casco urbano da cidade. Os traballos, que están a ser realizados pola empresa Gaos, iniciáronse a pasada semana na rúa Nove de Agosto.

A consecuencia das obras o tráfico rodado nesta zona está a ser regulado por semáforos portátiles, dando paso alternativo ós vehículos dun sentido e despois ós do outro, ó non ser posible o paso simultáneo en ámbolos dous sentidos.

Dende a Policía Local aconséllase tamén ós usuarios desta zona que utilicen vías alternativas como a Avenida do Malecón e a rúa Rosalía de Castro, en especial durante as horas punta das mañás laborais.

O executivo ribeirés pide ademais desculpas e comprensión polas molestias, pero sinala que interesa axiliza-las obras nesta vía principal antes do verano xa que se agravarían as perturbacións.

Estas obras, que contan cun prazo de execución de cinco meses, contemplan ademais desta rúa o acondicionamento tamén de Miguel Rodríguez Bautista, Mariño de Rivera, Otero Pedrayo e as rúas Frade e escorial, así como tamén os arredores do concello.

As actuacións consistirán basicamente nas demolicións dos actuais pavimentos das beirarrúas, así como tamén o fresado da capa asfáltica existente e o traslado das árbores. Reporanse ademais as redes de auga potable e sumidoiros e substituirase o actual alumeado por outro novo.

Con estas obras, que permitirán amplia-lo ancho das actuais beirarrúas para maior comodidade dos peóns e establecer zonas de aparcamento e carga e descarga, o executivo ribeirés que preside Xosé Luís Torres Colomer continuará a súa liña de ir adaptando a cidade ás necesidades das persoas ó tempo que se renovan os pavimentos das estradas para facilita-lo tráfico rodado, de tal xeito que se fan compatibles as prioridades dos peóns cos requerimentos dos automobilistas.

Redacción Barbanza

Exit mobile version