Canal Rías Baixas

Malestar en Olveira ante a restricción do acceso ás dunas

RIBEIRA > Un grupo de veciños da parroquia ribeiresa de Olveira veñen de amosa-lo seu malestar pola decisión da Consellería de Medio Ambiente de restrinxi-lo paso ás dunas alí existentes. A medida que comezou a ser efectiva dende a pasada Semana Santa estalles a provocar graves consecuencias, como ter que andar máis de tres quilómetros para poder acceder á praia. Para tratar de que se produza un cambio na medida teñen previsto realizar unha concentración na zona de acceso ás dunas, no aparcamento de Olveira o vindeiro domingo ás seis e media da tarde.

Os veciños de Olveira mesmo chegaron a constituír unha comisión de afectados por esta situación na que se integran máis de cincocentas persoas, que se negan a esta decisión da Consellería de Medio Ambiente de restrinxi-lo acceso ás dunas e que se fixo efectiva a pasada Semana Santa.

Segundo eles esta medida non só lles afecta a eles senón tamén a moitos turistas que dende o aparcamento alí instalado accedían a través da pasarela de madeira e as dunas ata o areal.

Este domingo teñen previsto realizar unha protesta pacífica na zona do aparcamento de Olveira ás seis e media da tarde.

Redacción Barbanza

Exit mobile version