Canal Rías Baixas

As melloras na zona da Crocha enfrontan a goberno e oposición

POBRA > O BNG da Pobra solicita ó concello unha serie de melloras na Crocha e Aldea de Raña.

A voceira nacionalista, Rosana Pérez, di que o executivo leva moito tempo facen oídos xordos ás reiteradas queixas dos veciños da Crocha e Raña. Estes demandan unha serie de melloras como a limpeza do cauce do río, a sustitución das varandas en mal estado, o asfaltado dos camiños, a mellora do firme da estrada e a posta en funcionamento dos lavadoiros. Segundo os nacionalistas o alcalde prometeu ós veciños, hai xa máis de dous anos, que se ía acometer unha actuación integral na zona sen que ata o momento se teña executado ninguna acción. Dende o BNG lembran ademais que o tema foi levado a pleno o pasado mes de xuño e o grupo de goberno botou en contra.

Rosana Pérez criticou abertamente a xestión levada a cabo polo goberno municipal que, segundo di, soamente se fai cargo das deficiencias existentes no municipio cando o BNG as saca á luz pública, prometendo obras que, en moitas ocasións, nin se levan a cabo.

Precisamente o executivo pobrés saíu ó paso destas acusacións alegando que xa existe un proxecto para a acometida de melloras en todo o entono da Crocha. Segundo o alcalde, na actualidade, a actuación está pendente da autorización de Augas de Galicia. Dado que este trámite podería resolverse ó longo desta semana, o goberno local confía en comeza-las obras nun breve prazo de tempo.

A pasada semana os técnicos de Medio Ambiente desprazáronse ata a Pobra para examinar o entorno no que se acometerá a obra e comprometéronse a tramita-la autorización. En total destinarase unha partida próxima ós doce mill euros con cargo ós orzamentos municipais para a limpeza do río, a recuperación dos lavadoiros,a reparación da presas e a adecuación dun paseo dotado de mobiliario urbano e alumeado público.

Unha vez a Consellería de Medio Ambiente resolva a autorización, que podería ser ó longo detsa semana, o executivo iniciará os traballos de xeito que a mellora da Crocha será unha realidade nun breve prazo de tempo. Unha vez remtada esta actuación está previsto acometer o asfaltado en quente dos viais da zona, de xeito que se melloren os accesos.

O alcalde pobrés criticou novamente a forma de facer política dos nacionalistas que, unha vez máis, tenta enganar ós veciños apuntándose o tanto de proxectos que xa están a ser executados polo goberno municipal. Pola contra, os nacionalistas consideran que o executivo soamente está a buscar excusas para xustificar a súa falta de actuacións tentando ocultar a verdade á oposición e ós veciños.

Redacción Barbanza

Exit mobile version