Canal Rías Baixas

Firme compromiso para a mellora das deficiencias do polígono de Espiñeira

BOIRO > A Consellería de Industria e o concello asumirán os custes da mellora do subministro eléctrico en Espiñeira

As deficiencias eléctricas que presenta actualmente o polígono industrial de Espiñeira en Boiro serán solucionadas en breve, grazas a un acordo asinado entre o propio concello boirés e a Consellería de Industria. A aportación das dúas administracións, tanto a local como a autonómica, ascende a uns 60 mil euros. Dende hai tempo os empresarios con industrias no parque de Espiñeira veñen denunciando os fallos existentes no subministro eléctrico que provoca importantes perdas para as súas empresas. Coa realización deste proxecto de mellora da rede eléctrica no polígono reforzarase o subministro, o que permitirá un servizo de maior calidade e seguridade. A Consellería de Industria comprometeuse a aporta-la cantidade de 24 mil euros e o concello boirés 36 mil. As obras deberán levarse a cabo antes de finais de ano. Esta inversión virá a sumarse ós preto de 900 mil euros que a Consellería de Vivenda e Solo ten reservados nos presupostos do ano que vén para a execución de distintas melloras no parque empresarial boirés. Con cargo a esa contía o organismo autonómico prevé tamén poñer en marcha a segunda fase do polígono, un proceso que será realizado por Xestur e que espera non se demore moito no tempo. Por esta razón non entende tampouco as críticas vertidas polo presidente da ABE nas que amosaba a súa desconfianza en que se levara a cabo esta ampliación.

Parcelas sen edificar

O edil de Urbanismo fixo alusión tamén a un problema que está a presenta-lo actual polígono boirés como é o gran número de parcelas sen edificar. Así fixo un chamamento ós seus propietarios para que inicien canto antes as obras, ou no seu defecto opten por vende-los seus terreos a outros empresarios interesados, xa que existe unha elevada demanda. Con esta medida pretenden rematar dunha vez por todas coa posible especulación de terreos, un feito que xa ten previsto contempla-la Xunta na ampliación do parque xa que o empresario interesado na compra dunha parcela deberá presentar un proxecto e levalo adiante nun prazo mínimo establecido.

Redacción Barbanza

Exit mobile version