Canal Rías Baixas

Os escolares barbanzáns implícanse na celebración do magosto

BARBANZA > Os colexios do Barbanza celebraron un magosto escolar para conmemorar a festividade do San Martiño.

Gran parte dos centros optaron por celebrar esta festa popular nos seus propios recintos escolares como foi o caso do de Escarabote en Boiro ou o Pilar Maestú na Pobra do Caramiñal. Outros, en cambio, decidiron organiza-la actividade fóra, como é o caso do colexio Santa Baia de Boiro que elixiu a carballeira do San Ramón de Bealo para realiza-lo seu magosto.

‘Polo San Martiño trompos ó camiño’ ou ‘En San Martiño mata o teu porquiño’ son algúns dos refráns referidos a esta época do ano que se caracteriza tamén pola realización dos tradicionais magostos, que son celebracións tradicionais relacionadas coa recollida das castañas. Dúas son as datas neste mes de novembro máis correntes para a súa celebración: o día 1 de novembro, festa de Tódolos Santos, ou o día 11, festa de San Martiño.

Con esta finalidade e tratando de promover a convivencia entre profesores, alumnos e mesmo algún pai, os colexios do Barbanza celebraron o seu tradicionl magosto. Un exemplo desta festa foi a realizada polos máis de 500 nenos de educación infantil e primaria do centro educativo Santa Baia de Boiro que se achegaron ata a carballeira do San Ramón de Bealo para realiza-lo seu magosto. Todos eles, uns máis que outros, colaboraron na realización das fogueiras para asa-las castañas e participaron en diversos xogos populares coma o trompo, o tiro da corda, a carreira de sacos ou a culler. Toda unha serie de actividades nas que os nenos disfrutaron e sairon da rutina habitual das clases.

Redacción Barbanza

Exit mobile version