Canal Rías Baixas

A Deputación prima a seguridade na rotonda do colexio Castelao

RIANXO > O proxecto de mellora da seguridade vial nas inmediacións do Colexio Castelao está rematado.

Técnicos da Deputación da Coruña, en colaboración cunha consultoría, encargaronse de realizar unha revisión do anterior proxecto, mellorando significativamente a seguridade vial na zona. A modificación suporá un incremento no proxecto inicial de máis de 70 mil euros.

A pesar de que os técnicos da Deputación da Coruña xa remataron o seu informe, este aínda non foi recibido polo executivo rianxeiro. Ó parecer o novo proxecto virá a mellora-la seguridade vial no entorno do colexio Castelao, realizándose unha rotonda de menor tamaño que a que prevista nun primeiro momento.

Ademais para salvagarda-la seguridade dos nenos que a diario acuden ó centro educativo, crearase unha barreira vexetal, así como unha nova beirarrúa de tres metros de ancho que estará protexida por unha baranda antes de baixar a calzada.

Estas non serán as únicas medidas preventivas, xa que tamén se instalarán pasos elevados para cruzar a estrada, bandas rugosas nas proximidades da rotonda para que os vehículos entren nela a menor velocidade e instalaranse semáforos para regula-lo tráfico rodado.

Os técnicos do organismo provincial despois de analizar varias propostas, decantáronse pola alternativa máis segura, tanto para os condutores como para os peóns, especialmente para os escolares que están máis próximos á rotonda.

Incremento do presuposto

A modificación realizada incrementa o presuposto da obra nuns 70 mil euros, que se incluirán no proxecto inical de conversión da rúa Rinlo en sentido único.

O alcalde Pedro Piñeiro referiuse a que estas medidas son básicamente as mesmas que as plantexadas polo propio presidente da Deputación coruñesa, Salvador Fernández Moreda, na súa visita a Rianxo, que lle foron mesmo presentadas ó colectivo de pais afectados pola obra, e que consigue sepa-la rotonda e o vial rodado oito metros do centro educativo coa construcción da beirarrúa e a barreira vexetal.

O rexedor rianxeiro sinalou ademais que dende o concello fixose e estase a facer todo o posible para artella-la mellor fórmula de seguridade vial nas proximidades do colexio Castelao, reuníndose cos pais, contactando co Delegado de Educación e solicitándolle ademais á Deputación unha rectificación do proxecto inicial.

Redacción Barbanza

Exit mobile version