A pesar de que leva encamada dous anos, Pilar Fernández Sobradelo, goza aínda dunha saúde de ferro e tan só toma pastillas para favorece-lo rego sanguíneo. O concello de Rianxo aproveitou esta data sinalada para render homenaxe á súa veciña máis lonxeva.
Estes ollos viron pasar por diante cento nove anos de vida nos que se sucederon algúns dos feitos máis significativos da nosa historia. Pilar Fernández Sobradelo, celebrou o día 22 de febreiro o seu cumpreanos, rodeada da súa familia e coa visita dos representantes do concello que quixeron acompañala nesta data tan especial.
Saúde envexable
Cos cento nove cumpridos, Pilar vive rodeada dunha gran familia pois, aínda que só tivo unha filla, na actualidade ten catro netos, nove bisnetos e dez tataranetos. Goza dunha saúde envexable e dende sempre lle gustou dar paseos, afección que seguiu practicando ata hai dous anos cando o paso do tempo a obrigou a permanecer encamada.
A aboa de Rianxo seguirá a ver pasa-lo tempo dende a súa casa de Ourolo, na parroquia rianxeira de Taragoña. Un tempo moi distinto ó que a veu nacer o 22 de febreiro de 1898; aló polo século XIX.
Redacción Barbanza