RIBADUMIA > Un veciño de Meis, pero afincado en Ribadumia, faleceu nun accidente de tráfico xusto diante da súa vivenda. O suceso tivo lugar contra as dez menos cuarto de onte á noite, cando o falecido se dispuña a meter o coche no garaxe e outro turismo que circulaba a gran velocidade chocou contra el e despediuno fóra, morrendo practicamente no acto.
Segundo nos informou Protección Civil de Ribadumia, o falecido viña de Barrantes e acababa de invadir o carril contrario para meter no garaxe da casa o seu coche, un Peugeot 306 con matrícula PO 0327 BK, momento no que se presupón ademais que sacou o cinto de seguridade. Nese intre, un Fiat Punto con matrícula 1024 CCH chocou contra o Peugeot e o impacto foi de tal violencia que despediu o corpo de Santiago Outeda fóra do seu coche, morrendo practicamente no acto.
O falecido chegaba de traballar e tralo impacto quedou tendido na cuneta tapado cunha manta, ante a desesperación da familia e dos numerosos veciños que se achegaron ó lugar, onde permaneceu unha hora ata que o xuíz ordenou o levantamento do cadáver. Santiago Outeda deixa muller e tres fillos, de 12, 4 e 2 anos de idade.
Os veciños que viven a carón desta estrada EP 9305 Coirón – Barrantes – Leiro xa veñen tempo queixándose pola gran velocidade á que circulan a cotío os vehículos por este tramo, que forma parte ademais, nos últimos meses, do desvío alternativo principal ó corte da vía rápida do Salnés.
Redacción Salnés