Canal Rías Baixas

A oposición atrasou o debate do Plan Parcial de Cabo de Cruz

BOIRO > A pesar de que a orde do día incluía tamén a aprobación do Plan Parcial de Cabo de Cruz, a proposta non se chegou a debater …

… ante a oposición de PP, PSOE e ICBoiro.

O grupo municipal do BNG compareceu esta mañá ante os medios de comunicación para da-la súa visión sobre a decisión de deixar sobre a mesa este punto. Os nacionalistas foron especialmente críticos cos seus socios de goberno, ós que acusaron de ceder ante as presións dalgúns veciños e de non exercer as súas responsabilidades con fins unicamente electoralistas.

Na comisión informativa previa ó pleno, tanto populares como socialistas e mailo independete Manuel Velo, anunciaran a súa intención de non incluír na orde do día o debate da aprobación do Plan Parcial de Cabo de Cruz. Aínda así, o BNG optou por presentar unha moción de urxencia para incluír este punto posto que consideran fundamental a aprobación do plan para blindar a edificabilidade ante a entrada en vigor do paquete de medidas de ordenación do litoral. Finalmente o debate non se levou a cabo pola oposición dos restantes membros da corporación. O voto negativo dos concelleiros socialistas foi visto como unha traición polos seus socios de goberno que criticaron duramente este cambio de parecer.

CRÍTICA Ó PSOE

O alcalde, Xosé Deira, lembraba esta mañá que o PSOE sempre defendeu este plan e agora, ante o rexeitamento amosado por moitos veciños, decidiu dar para atrás pospoñendo o seu debate sen que ata o momento se teña presentado no concello nin unha soa alegación para modificar a edificabilidade ou o ordeamento da proposta. Deira foi máis alá acusando ós membros do grupo socialista de iniciar contactos con certas empresas, ás costas do resto do executivo, para fixar o valor do metro cadrado.

Segundo os nacionalistas, na actualidade existe unha maioría de veciños a favor do desenvolvemento do plan. Sen embargo, acusan a certos membros da plataforma xurdida en contra do plan parcial de manipular e enganar á xente, xerando a crispación que se fixo evidente no transcurso da sesión plenaria e que conta co apoio de certos membros do goberno. Así mesmo, o feito de apoiar o plan de Barraña e deixar en suspenso o de Cabo de Cruz supón unha clara discriminación. A pesar de que ámbolos dous plans estaban informados favorablemente por tódolos órganos competentes, os propietarios de Cabo de Cruz non poderán iniciar aínda o desenvolvemento urbanístico deste núcleo ante a inminente entrada en vigor da lei dos 500 metros.

RESPOSTA DO PSOE

O voceiro socialista, Xoán Xesús Ares, respostou ás acusacións insistindo en que o seu grupo apoia a aprobación do plan de Cabo de Cruz e, chegado o momento, os concelleiros socialistas votarán a favor. Sen embargo, solicitaron aprazar o debate da proposta unhas semanas para que os veciños puideran chegar a acordo e evitar a tensión que se puxo de manifesto durante o pleno. Ares non entende que os seus socios de goberno o acusen de traición posto que soamente mantivo xuntanzas cos veciños afectados para achegar posturas, tal e como fixo o BNG.

O portavoz socialista lembra ademais que o seu grupo sempre foi coherente e fiel co goberno que sustenta e, salvo neste caso, sempre emitiu un voto conxunto co BNG. Sen embargo, insiste en que son ‘socios de goberno e non lacaios polo que manterán a súa independencia fronte os intentos dictatoriais dos nacionalistas de impoñe-lo seu criterio’. Para os socialistas, o aprazamento do debate do plan permitirá que os veciños que integran a plataforma contraria á súa aprobación reflexionen e decidan apoia-la proposta. Na actualidade, os propietarios están a buscar a maior rendibilidade dos seus terreos e xa acordaron cunha empresa un prezo mínimo establecido arredor dos 160 euros por metro cadrada. Mañá, está prevista a celebración dunha xuntanza entre os veciños para analizar a situación en que se atopa o proceso.

Redacción Salnés

Exit mobile version