SALNÉS > O novo Hospital do Salnés terá 121 camas de hospitalización polivalente e seis novas modalidades asistenciais. A súa ampliación en 3.500 metros cadrados e a reforma dos 1.600 actuais custará sete millóns e medio de euros. Así o prevé o Plan Funcional. Os primeiros en coñecelo foron os profesionais do hospital e os segundos os candidatos do PSOE do Salnés, nun acto coa Conselleira de Sanidade.
O novo hospital do Salnés terá un total de 121 camas, 39 máis que as actuais, 42 locais de consultas externas, 18 postos de hospital de día e 12 de hemodiálise. Esta será unha das seis novas modalidades que terá o Salnés, ademais dun hospital de día polivalente para procesos médicos que requiran ingreso, dunha unidade de coidados intermedios para estabilizar pacientes críticos, outra de hospitalización a domicilio e outra de curta estadía médica. Estas dúas últimas incorporadas a Urxencias, unha área que terá 14 locais e nove camas, máis outras 10 para curta estadía.
O bloque cirúrxico incrementarase nun 40 por cento e Obstetricia duplicará a súa dimensión. O novo hospital do Salnés incorporará ademais novas especialidades como endocrinoloxía, neumoloxía, nefroloxía, coidados intermedios, oncoloxía e psiquiatría. O plan funcional recolle un investimento de medio millón de euros para o novo equipamento sanitario. Agora, os técnicos terán que redactar o plan director para trazar o proxecto arquitectónico e establecer prioridades nas actuacións. A previsión da Consellería é ter o proxecto arquitectónico xa este ano.
Redacción Salnés