Canal Rías Baixas

O SERGAS integrará os servizos de Saúde Mental e Drogodependencias

BARBANZA > O SERGAS licitará a construcción do novo centro de saúde mental antes do verán para a súa posta en marcha nun prazo de 24 meses.

As novas instalacións, que tamén albergarán a unidade asistencial ás drogodependencias, ubicaranse nuns terreos situados ó carón do hospital comarcal.

A licitación do proxecto, que conta cun orzamento de máis dun millón de euros, está prevista para antes do verán. Así o anunciou o sub-director xeral do Servizo de Saúde Mental e Drogodependencias do SERGAS, Victor Pedreira , que xunto co responsable do programa de saúde mental deste organismo, Fernando Márquez, desprazouse ata o hospital barbanzán, para manter un encontro de traballo coa súa xerente, Rosario Vázquez. Alí, os responsables do ente autonómico tiveron ocasión de visita-los terreos onde se ubicará a nova unidade.

Integración

O obxectivo que persegue a Consellería de Sanidade, con esta e outras actuacións, é integrar os servizos asistenciais de drogodependencias á rede de saúde mental facilitando a xestión dos servizos e a coordinación dos centros co resto do sistema sanitario.

Por outra banda, búscase promover unha cultura común que redefina as drogodepencias como auténticas enfermidades e coordinar mellor os recursos asistenciais para a atención aos enfermos drogodependentes co resto dos dispositivos de saúde mental e co conxunto do Servizo Galego de Saúde, especialmente coa atención primaria.

Redacción Barbanza

Exit mobile version