Canal Rías Baixas

A CIG denuncia represalias contra traballadores do Hospital do Salnés

VILAGARCÍA > O departamento de saúde da CIG denunciou as deficiencias que presenta o servizo de oftalmoloxía do Hospital.

Persoal sanitario pertencente á CIG manifestouse este mediodía diante do Hospital do Salnés para denuncia-las represalias sufridas por dous compañeiros tras detectarse dúas infeccións no quirófano de oftalmoloxía que, segundo denuncian, é un quirófano xeral.

Segundo Begoña Agrelo, secretaria de sección sindical da CIG no CHOP, antes había un quirófano específico, pero agora opérase nun dos dous xerais. Os oftalmólogos pediron en varias ocasións un quirófano propio pero non houbo resposta e tras detectarse dúas infeccións despediuse a un traballador e suspendeuse a outra de actividade quirúrxica. A CIG preguntou polos resultados das investigacións que supostamente se emprenden despois dun caso deste tipo pero non saben nada e sospeitan que non se fixo ningún estudo do sucedido, polo que non comprenden que levou á xerencia a tomas ‘represalias’ contra estes dous traballadores.

Dende a CIG consideran que éste é só un problema máis dos moitos que está sufrindo o hospital, xa que tamén sospeitan da contratación dun avogado e dos turnos de traballo. Aseguran que o xerente do Hospital do Salnés manexa o centro como se fora ‘o seu feudo’ e ninguén fai nada para impedirllo.

Redacción Salnés

Exit mobile version