Canal Rías Baixas

O Presidente da Xunta visita o Hospital Comarcal do Salnés

VILAGARCÍA > O presidente da Xunta de Galicia e a Conselleira de Sanidade visitaron esta mañá o hospital comarcal do Salnés.

O motivo era coñecer o funcionamento da Unidade de Radiodiagnóstico, a implantación da Historia Clínica Informatizada e a Unidade de Parto Natural do centro, na que é pioneiro. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de sanidade, María Xosé Rubio, foron recibidos á súa entrada ó hospital pola alcaldesa de Vilagarcía e o director do centro hospitalario. Pero tamén estaban alí os veciños de Castroagudín, que quixeron aproveitar o momento para facer visible a seu malestar ó mandatario da Xunta.

Xa dentro do hospital, Touriño puido comprobar as aplicacións que alí se están a levar a cabo dentro do plan rede de saúde posto en marcha o ano pasado. O obxectivo deste programa é acadar a modernización da sanidade galega a través das novas tecnoloxías da información. O presidente da xunta e a conselleira de sanidade comprobaron deste xeito o funcionamento do novo sistema de radioloxía no hospital comarcal, que agora está informatizado. Xa non existen as antigas placas radiolóxicas, e ademais, o do Salnés é un dos oito hospitais galegas que implantaron a historia clínica electrónica dos pacientes.

O centro hospitalario é tamén un referente a nivel galego en moitos ámbitos da sanidade. Un deles é o da aposta polos chamados partos naturais. O presidente felicitou esta aposta do centro, pola que é o primeiro en Galicia en contar cunha unidade de traballo de parto e recuperación. O hospital do Salnés, dixo a conselleira, é un exemplo de que os avances en materia de sanidade non teñen por qué vir sempre da man dos grandes complexos hospitalarios.

Logo da visita institucional, o centro proxectou un documental sobre un dos primeiros partos naturais que alí se levaron a cabo. A súa protagonista, Ana María Bello, asistiu co seu fillo ó acto e volveu a defender este xeito máis humanizado, de dar á luz. O hospital comarcal do Salnés é tamén o primeiro e único hospital de Galicia que conta coa acreditación de Hospital Amigo dos Nenos, grazas ó seu fomento e axuda á lactación materna durante o embarazo, parto e puerperio. Un grupo dos cativos que se beneficiaron desta iniciativa saudaron ó presidente da xunta e á conselleira de sanidade, e puxeron o peche á visita.

Redacción Salnés

Exit mobile version