Canal Rías Baixas

O goberno meco sae escoltado pola Policía Local dun problemático pleno

O GROVE > A aprobación do anteproxecto da depuradora de Rons en O Grove, onte en pleno extraordinario, rematou con insultos e coa petición de dimisión

… do goberno meco por parte dos veciños de Virxe das Mareas. A protesta veciñal pola localización da planta na zona de Laxe Rons, foi tal que os membros do cuatripartito tiveron que saír escoltados pola Policía Local do Salón plenario, logo de que aprobaran en solitario o anteproxecto da EDAR.

Con insultos e peticións de dimisión por parte dos veciños de Virxe das Mareas, rematou o pleno extraordinario celebrado onte no Grove. O obxecto da sesión era dar luz verde ó anteproxecto da EDAR, a Estación Depuradora de Augas Residuais, que o goberno cuatripartito pretende construír en Laxe Rons. Veciños e empresarios desta zona acudiron onte con pancartas de protesta ó pleno, no que increparon, ameazaron e insultaron ós edís do goberno local, que aprobaron en solitario o anteproxecto.

O motivo das protestas dos veciños e dos empresarios de Laxe Rons, onde hai varias plantas transformadoras de marisco, son os malos cheiros que segundo eles producirá a planta, que tamén prexudicaría a calidade das augas que se empreguen para preservar o marisco. Pola súa banda, os partidos da oposición, PP e Alternativa meca, criticaron duramente o cambio de localización da depuradora, que nun primeiro momento se ía a construír no Corgo. Unhas criticas que recibiron os aplausos dos veciños, e que se materializaron co voto en contra de Ayda Filgueira, e do abandono dos membros do PP, presididos polo ex alcalde Miguel Ángel Pérez, do salón de pelnos cando se deu paso á votación.

O executivo local, con José Cacabelos á cabeza, asegura que o motivo que levou ó cambio de localización da depuradora, son os informes técnicos que avalan ó lugar de Laxe Rons, como o máis axeitado para a construción da planta. Tamén engadiu o alcalde meco, que Costas e Portos de Galicia se opoñían á primeira ubicación, aprobada no 2002, e que ademais se realizaron xuntanzas informativas cos veciños dos Rons. Estes argumentos non convenceron onte nin ós veciños nin á oposición. Se os primeiros aseguran que os informes técnicos están desfasados e que en ningún momentos se escoitou ós veciños, estes aseguran que se trata dunha decisión aleatoria e que os marxina.

Na sesión plenaria de onte á noite tamén houbo discusións entre os militantes do cuatripartito e os veciños afectados pola futura actuación. Esta é a crise máis importante do executivo local dende que tomara posesión. Os seus edís tiveron que saír escoltados por oficiais da Policía Local, ante o seu temor a ser increpados polos veciños. Agora, o único recurso que lles queda ós habitantes de Rons é presentar as alegacións durante o período de exposición ó público do texto aprobado.

Redacción Salnés

Exit mobile version