Os donos de tres vivendas ubicadas en pleno peirao de Rianxo levan varias semanas de mobilizacións en contra do proxecto de mellora de entrada ó porto da localidade previsto por Portos de Galicia e que prevé o seu derrubamento.
Falla de información
Xa non saben o que facer. Séntense indignados ante o proxecto de mellora de entrada ó porto rianxeiro que pretende levar a cabo Portos de Galicia e que prevé o derrubamento das súas vivendas. Non teñen ningunha información ó respecto, nin do ente autonómico nin do propio concello rianxeiro, e a única información que reciben é a través dos medios de comunicación que dende hai algún tempo recollen a súa cruzada.
Actuación desproporcionada
Para eles trátase dunha actuación desproporcionada. Consideran que hai alternativas menos dramáticas, entre elas, a realización dun recheo na zona, que non prexudicaría a ninguén, máxime, cando a escasos metros dalí, se prevé a realización dun recheo de máis de dez mil metros cadrados que serán destinados á construción dun edificio de usos náuticos.
Total apoio
Hai varios días iniciaron unha recollida de sinaturas en contra do proxecto de Portos, tendo o apoio maioritario dos veciños do municipio, así como tamén da asociación de mexilloeiros, confraría de pescadores e os grupos políticos na oposición.
Mobilización
Para este domingo teñen solicitada unha mobilización. A súa intención é seguir defendendo o seu. Non é unha cuestión económica, o que verdadeiramente lles importa é o valor afectivo e sentimental que teñen as súas casas con preto de douscentos anos de antiguidade, das máis vellas de Rianxo.
Redacción Barbanza